Saturday 04 de May de 2024

O director xeral de Enerxía e Minas promete “colaboración institucional” na tramitación dos parques eólicos da comarca


Ángel Bernardo Taoces reuniuse cos alcaldes de Ordes, Frades e Mesía, aos que lles asegurou o seu compromiso por facilitarlles toda a información sobre os proxectos e a actuar con rigor

O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Taoces, reuniuse cos alcaldes de Ordes, Frades e Mesía para informalos de primeira man sobre a situación dos proxectos eólicos que se pretenden implantar na zona.

José Luis Martínez Sanjurjo (Ordes), Roberto Rey (Frades) e Mariano Iglesias (Mesía) contan co compromiso formal de obrar con vontade institucional por parte do Goberno autonómico de cara ás administracións locais. Ángel Bernardo aseguroulles aos tres concellos a tramitación deste tema con transparencia e rigor, así como o feito de facilitarlles toda a información coñecida e darlles conta das actuacións administrativas tramitadas.

Aos dirixentes locais tamén se lles informou detalladamente do informe negativo emitido con respecto aos parques de Ardemil (Ordes) e A Pobra (Mesía) emitido pola Consellería de Economía, Emprego e Industria ao non cumprirse o requisito das distancias mínimas establecidas no Plan Sectorial Eólico de Galicia.

Neste encontro amosouse un especial interese polos proxectos Monte Inxerio (Ordes e Cerceda) e Gasalla (Frades e Mesía). Uns proxectos dos que a día de hoxe aínda non se teñen analizado nin o seu impacto nin as condicións de cara á emisión dun informe favorable ou desfavorable xa que non se considera de interese especial e, polo tanto, non terá que estar activo no ano 2020.

Declaración institucional conxunta
Foi a principio de maio cando os concellos de Ordes, Frades, Oroso e Mesía emitiron de maneira conxunta unha declaración institucional en contra da instalación de parques eólicos no seu territorio. Un escrito no que se destaca a súa repulsa á instalación dos ditos parques eólicos, promovidos tamén pola empresa Green Capital Power.

Os rexedores de cada un destes concellos consideran que os ditos proxectos afectan gravemente ás propiedades da veciñanza, así como á súa calidade de vida, saúde, á paisaxe, á avifauna etc. Ademais tamén contraveñen as normas técnicas de planeamento urbanísticos e lexislación vixentes. Por todo isto ínstase á Consellería de Economía, Emprego e Industria a que reforme o Plan eólico de Galicia e que os declare concellos libres de parques eólicos. Concretamente solicitan a eliminación da franxa eólica que abrangue aos ditos concellos dentro do Plan Sectorial Eólico de Galicia.